Proyecto LIFE  
INTRODUCIÓN

Nesta conca o Miño evoca tempos pasados, nos que home e río vivían unidos, dando lugar a unha cultura asociada á auga, presente en lendas como a do "xacio", o "home-peixe", ou nas construcións tradicionais onde a forza do río, por medio dunha enxeñosa arquitectura de canalizacións, serviu e serve para lle dar forza a muíños e mazos.

 

Neste espazo onde se dan cita caneiros, insuas e fragas, as ribeiras son espazo de tránsito, e exemplo de conservación do antigo. Así o amosa a variada tipoloxía de pontes, "pontellas", pasos e portos, e tamén a existencia dunha embarcación tradicional de fondo plano, ” o batuxo , que conforman a riqueza etnográfica presente en todo o LIC.

PONTELLAS

Pontella da “Insua do Curro”: Xa na parroquia de San Xillao de Bocamaos, no lugar do Vilar atopamos unha pontella, serve de paso para a “Insua do Curro” e para a presa do muíño da Igrexa Vella. Antigamente tiña o piso de madeira e estaba montada en trabes de castiñeiro. Actualmente ten unha comporta para o Muíño de Penas.

AS ILLAS

As insuas (illas fluviais), eses “corazóns terrestres” do río, son fértiles anacos de terra que ó longo do tempo deron alimento para o gando, leña para o lume, e madeira para as barcas e os apeiros.

As insuas normalmente presentaban amieiros, bidueiros, carballos, castiñeiros... todas especies autóctonas, que se cortaron para facer prados para pasto ou para herba seca.

As Insuas do Miño forman parte do LIC e da zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Mergulladas durante as grandes enchentes, as insuas abeiran unha notable flora e fauna acuática. Canles, charcas e lagoas interiores, plantas acuáticas, frondosos bosques de ribeira ameneiro, freixo, carballo, bidueiro, moluscos como o mexillón ou perla de río, e especies animais como o corzo, garza real..., converten estas insuas en santuarios da natureza miñota.

  1. Insua da Trabanca vai desde o Porto da Trabanca ó barrio das Hortas, na parroquia de Cela, neste barrio acaba en forma de cuña e un brazo de río duns 3 ou 4 metros sepáraa da insua seguinte, está dividida en parcelas. Ten moita vexetación de árbores, arbustos e algún prado. Chégase a ela en “batuxo” pero sobre todo a través dos Portos de Agostil e O Barco. Na “Insua da Trabanca” xa no seu termo, hai unha presa que canaliza a auga para o muíño de Felpás.

  2. Insua de San Roque é quizais a máis coñecida e a máis grande da zona, vai desde a da Trabanca ata Formistán. Está dividida en parcelas dos veciños de Cela. Chégase a ela polos Portos de San Roque e o do Coutao e pola marxe dereita o Porto de Barés. Todos estes portos no tempo de verán eran moi usados para pasar gando a pastar, con carros, e hoxe seguen usándose pero en vez de carro son tractores e segadoras os que pasan os portos cara á insua. Ten unha presa no barrio de Santadizco na marxe dereita que se usaba para a pesca de anguías. Nestas insuas hai xabarís e corzos.

  3. Insua de Santa Mariña o de Baixo vai desde Formistán ó Barrio de Felpás e aquí córtase formando unha pequena insua á que se accede pola Ponte de Garrido.

  4. Insua de Silvestre da que hoxe non quedan máis que uns poucos carballos. Ata a construción da fábrica do Piago había unha acea onde moían e pescaban nas súas bocas, hoxe quedan uns restos dunhas pedras por onde se pasaba á acea.

  5. Insua de Arriba na parroquia de San Xoán de Parada, está un chisco por baixo do Piago esta insua que como todas divide o río en dous brazos e no esquerdo ten os caneiros de Marcelle e o de Sumarcelle ou Neira. Hoxe o acceso a esta insua é doado a través da ponte colgante situada na marxe dereita. Nela podemos atopar ademais de castiñeiros, carballos e outras especies autóctonas algún acivro.

  6. Torrón do Castelo Por riba desta insua e separado por un pequeno regato encontramos o Torrón do Castelo, moi pequeno e que non tería especial mención se non fose pola historia que nos contaron: aló polos anos 30 din os maiores do lugar que se agachaba alí unha cuadrilla de ladróns polo que non se atrevían a achegarse alí, incluso se encontraron armas agochadas debaixo dunha rocha no río. Entre este e a Insua de Arriba hai unha presa feita con pedras para que as anguías non pasaran por este ramal e fosen cara ó caneiro de Marcelle. Ó Torrón só se pode acceder en “batuxo”.

  7. Insua de Abaixo, , entre esta insua e a de Arriba hai abundantes insuas pequenas ás que lles chaman Torróns e que reciben o nome do dono ou nalgúns casos fai relación ó tamaño: Torrón de Froilán, Torrón Grande, Torrón Pequeno, que a pesar do seu nome sostén pola esquerda o Caneiro de Elías e pola dereita o de Pacios. A Insua de Abaixo é máis grande e sostén tamén caneiros, pola dereita o Caneiro do Barqueiro e o do Burgo e pola esquerda o Caneiro da Albariza e restos dun antigo muíño. Pásase para a insua polo porto de Seivane ou en “batuxo” e do outro lado do río polo muíño vello.

  8. Mollón de Seixas Trátase dunha insua pequena a certa altura a respecto do nivel do río, desfeito por mor da extracción de area, no verán pasaban o gando a pastar a pé xa que non había auga apenas. É un bo lugar para o baño e no verán van alí familias de merenda.

  9. Mollón de Fidalgo, das mesmas características que o anterior e tamén desfeito pola extracción de area, desde este ata a beira de Bocamaos estaban os Mollóns de Resalía que se empregaban para pastos e que están desfeitos pola extracción de area.

  10. Insua do Curro situada uns 300 metros antes da ponte de Ombreiro, nela estaba o Muíño de Penas antes de facer o novo en 1882 preto da ponte, hoxe só se conservan grandes pedras e as bocas da presa do muíño, pola banda dereita está o caneiro de Seixas.

  11. Insua de Meilán é xunto á de San Roque a máis grande da zona, pertence a Meilán e Saa. Dos dous brazos en que divide o río o da esquerda recibe o nome de Río Pequeno, tan pequeno que no verán se reduce a pozas podéndose pasar polas pedras do leito do río.

  12. Insua de Santalla na parroquia de Santalla, insua pequena con carballos, castiñeiros, salgueiros, sabugueiros e outros, e tamén algún que outro pasto, chégase a ela en “batuxo”.

  13. Insuas do Perrelo con carballos e castiñeiros, só se chega a ela en “batuxo”

"Facéndolle as beiras ó Miño"
Asociación Cultural María Castaña de Lugo.
Lidia Aurora López, 2002.

PASOS

Trátase dun sistema que consiste nunhas pedras que normalmente non teñen forma determinada, aínda que nalgún caso son prismáticas, e que se colocan no regato ou no río sen unha orde nin número establecido dependendo da anchura, da corrente...

1.

Pasos do río Narla na parroquia de San Martiño de Ombreiro

Son simplemente unhas pedras de diferentes tamaños colocadas no río sen moito coidado e cunha distancia entre elas aproximada ó paso dunha persoa para que puidese pasar sen axuda, é un treito de río de pouca fondura polo que a función das pedras era non mollar os pés máis que para salvar a corrente.

2.

Pasos de Marcelle na parroquia de San Martiño de Guillar, no lugar de Marcelle atopamos este sistema de paso para “A Insua de Abaixo”.

Están situados entre a presa do muíño desaparecido e o “caneiro da Albariza” e feitos con pedras chantadas no río que hoxe parecen unha pequena presa porque un particular os encheu para axeitar o lugar para o baño.

Son de gran beleza os lugares nos que encontramos pasos deste estilo porque as pedras redondeadas polo paso do tempo adoitan ter formas irregulares semellando un grupo escultórico.

"Facéndolle as beiras ó Miño"
Asociación Cultural María Castaña de Lugo.
Lidia Aurora López, 2002.

CONSTRUCIÓNS TRADICIONAIS

A carón do río Miño e do gran número de regatos que temos na nosa terra, non poderemos deixar de observar certas “construcións”: muros, casetos, escaleiras, cerramentos de terreos, saltadoiros... e de sentirnos abraiados ante a súa beleza natural; e todo isto é produto da necesidade pero tamén do enxeño arquitectónico e a estética das nosas xentes.

Muro de Protección na beira do río Miño

Que se dedicase ó que se dedicase o terreo ás beiras do río, os nosos paisanos non podían deixar que o río levase a terra das marxes e para iso construían muros de protección de cachotería de xisto de maior ou menor lonxitude, unha práctica que estaba prohibida. Estes muros feitos nas marxes eran necesarios na parte exterior das curvas para protexelas da erosión do propio río, pero se se facía en zonas rectas o que se pretendía era gañarlle terreo.

Os terreos ó pé do río -normalmente prados- adoitaban estar pechadas para impedir que o gando pasase ós terreos do veciño e ó mellor tamén para marcar a súa propiedade, moitas veces con lousas e outras con cachotería de xisto propia da zona, neste tipo de pechamentos hai verdadeiras obras que chaman a atención.

Noutros casos a pendente cara ó río era tan en costa que había que intentar salvala dalgún xeito e construíanse escaleiras nos propios prados para conseguir baixar con máis facilidade se se ía a pé.

Os valados dos terreos chegan ata a marxe do río e como había dereito a pasar pola beira solucionábase de diferentes maneiras, o máis común son os saltadoiros.

No caso de tratarse de valados de cachotería de xisto o que se adoitaba era poñer unha pedra ou dúas de cada lado segundo a altura do muro a modo de chanzos co cal saltar o muro era como subir unha escaleira. Era difícil percorrer un traxecto aínda que fose curto sen ter que pasar un saltadoiro, e hoxe atópanse moitos ben conservados tendo en conta que non se fan traxectos a pé.

A entrada dos terreos pechábase cunha cancela de madeira e moitas veces era un simple pau cuns toxos enriba para que non pasase o gando, sobre todo en épocas nas que o froito estaba preparado para a sega. As entradas para carros, nalgunhas zonas chamadas carrilleiras, quedaban moitas veces abertas para facilitar o paso ó chegar co carro.

 

OS LAVADOIROS

Se temos en conta que hai moi poucos anos que se estendeu o uso das lavadoras énos fácil imaxinar a importancia dos lavadoiros nos ríos e regatos posto que tampouco había auga nas casas.

Á beira do río Miño había moitos lavadoiros ós que acudían as mulleres cargadas coas súas cestas (ou tinas de cinc, en tempos máis modernos) na cabeza.

Tamén en Cela hai algún que outro individual, posto que moitas das casas deste lugar están paralelas ó río e os terreos de tras da casa chegan ata el.


 

OS BAÑOS

Non temos moito que contar sobre os baños e os seus costumes no río Miño, xa que os baños con algún tipo de connotación curativa ou supersticiosa estaban en xeral relacionados co mar ou coas fontes ou regatos concretos que tiñan propiedades debido ós seus compoñentes ou ó que a crenza popular lles daba por algunha circunstancia.

Roca "Fondapaus"

Cada aldea ou lugar tiña uns lugares determinados para isto.

Hoxe en día gozan da auga en Cela, nas insuas, en Rábade ó pé da Ponte, en Outeiro un pouco arriba do caneiro de Pena, en Santa Isabel, no Piago de Robra, en Ombreiro, lugar de baño e merendas por excelencia, na Insua de Meilán, na Ponte Nova de Lugo.

"Facéndolle as beiras ó Miño"
Asociación Cultural María Castaña de Lugo.
Lidia Aurora López, 2002.

PORTOS

Denomínanse así tanto os portos empregados para o paso das barcas como os empregados para pasar a pé a xente, gando ou carros. Normalmente levan o nome do lugar no que están situados, do propietario dos terreos lindeiras ou nalgún caso pode facer referencia a un feito ou acontecemento ocorrido no lugar.
A maioría dos portos que van ás insuas son en realidade vaos (lugar dun río por onde se pode cruzar a pé) con pouca fondura e neles adoitaba haber barcas de propiedade privada para traer estrume (leito de vexetación que se poñía nas cortes do gando) das propiedades da insua. Nos portos había barcas grandes para pasar as persoas e mesmo os animais e os carros.
Ambos os tipos de portos tiñan unha pendente para facilitar a baixada ó río ou a subida da xente e dos animais á barca.

1.

Porto da Trabanca: No lugar do mesmo nome en Santa María de Cela (Outeiro de Rei), este porto é un dos pasos á “Insua da Trabanca”, no verán pódese pasar a pé.

2.

Porto de San Roque: Serve de paso para a “Insua de San Roque”. Este porto segue en uso no verán, hoxe en vez de carros de bois ou vacas pasan as segadoras e como moito algún carro de burro a buscar herba.

3.

Porto de Barés: Pertence á parroquia de Saavedra (Begonte) . Está polo tanto na marxe dereita do río, ó que aquí uns chaman río Miño e outros río Barés e tamén é de paso para a “Insua de San Roque”.

4.

Porto de Santa Isabel: No lugar de Santa Isabel, fronte ó muíño do mesmo nome e no río Miño atopamos este porto empregado sobre todo para vir os de Martul e parroquias da zona ó muíño.

5.

Porto de San Xillao: Era lugar de paso desde San Xillao en Bocamaos (Lugo) a Parada (Outeiro de Rei) a través do Camiño Real.

Todos os portos tiveron grande importancia fosen para pasar barcas dun lado ó outro do río –de aí o nome que se repite a miúdo de Porto das Barcas– ou para pasar a traballar as leiras das insuas e levar o gando a elas.

"Facéndolle as beiras ó Miño"
Asociación Cultural María Castaña de Lugo.
Lidia Aurora López, 2002.

MUíNOS HIDRÁULICOS

 

Muiño do Rego do Pedragoso. Rego do Pedragoso. Cela, Outeiro de Rei - Lugo

 

Galicia, o País dos mil ríos podería considerarse o país dos muíños. Cada río, regueiro ou regato ten o seu muíño. A zona do LIC Parga – Ladra – Támoga é un reflexo da súa existencia. Os muíños están dispostos nunha das marxes do río, coa súa estrutura construída directamente sobre el, posibilitando o aumento do caudal a través de caneiros (pequenas presas) ou separados uns poucos metros, levando a auga que fará mover os rodicios por canles artificiais.

A súa arquitectura cuadrangular sinxela, dunha ou dúas plantas, xeralmente coa entrada a rentes do chan ou cunha soleira (peza de pedra que forma a parte inferior da porta) lixeiramente erguida. Tellados a dúas ou catro augas; lucidos interiores e exteriores; nalgúns casos pombais nos bordos; construcións auxiliares (os alpendres son construcións accesorias ó muíño que se usaban para protexer os carros, cabalerías ou gando mentres se estaba a facer a moenda. Son estruturas cubertas, abertas en xeral pola fronte, anexas ós muíños e situadas na súa entrada. A vivenda do muiñeiro e casetos atopámolos tamén anexos ós muíños ou como construcións illadas. As pequenas pontellas ou, nalgúns casos, verdadeiras pontes que cruzan as canles que levan a auga ó muíño ou dirixen a sobrante outra vez ó seu leito. Son pontes e pontellas de paso que salvan estas augas ou a propia corrente do río). Os pousadoiros de pedra fixados á fachada principal (para pousar a carga); crucifixos; marcas feitas nas portas ou no interior, cruces, como símbolo protector do muíño e da súa actividade; e outros elementos accesorios como as argolas de ferro que valían para amarrar as cabalerías de carga e transporte.

Nos grandes muíños ábrense cara ó exterior ocos para porta e ventás, fachinelos nos máis pequenos, para deixar pasar a luz e o aire. Ocos que se abren cara ó tremiñado e ó inferno.

O seu tamaño depende do número de moas coas que conte, estas colócanse na parte superior do tremiñado.

Algúns dos muíños máis importantes presentes dentro do LIC Parga- Ladra – Támoga serían:

 

MUÍÑO DE FELPÁS

O Muíño de Felpás atópase no barrio de Felpás, parroquia de Santa Mariña e concello de Outeiro de Rei, preto da Insua de San Roque.

Constrúese aproximadamente no ano 1840.

Coñecíase polo nome de "acea", así se chamaban algúns muíños (SAMPEDRO, 1990) (BARROS JUSTO) que encoraban a auga para aumentar o caudal do río e así ter forza de auga suficiente para mover os rodicios. Adoitaban ter entre dúas e catro pedras.

Os muíños de Felpás, A Trabanca e Santa Isabel, todos situados dentro do LIC Parga – Ladra – Támoga, tiñan catro pedras para moer, A Trabanca chegou a ter cinco; en Felpás tres eran francesas (primeira, terceira e cuarta contando desde a entrada), usadas para cereal panificable (trigo) e unha do país (segunda) usada para moer millo, cebada, etc. O seu diámetro é de 1,20 m, mentres que nos muíños de Rábade (eléctricos) e Santa Isabel é de 1,30. Antigamente, en Felpás, coas rodas do país moían tanto o penso e centeo para o gando como o cereal panificable, daban peor calidade na fariña, menos fina e con impurezas.

 

MUÍÑO DE SANTA ISABEL

En Santa Isabel, Outeiro de Rei, Lugo

Foi construído na última década do século XIX, 1898.

O muíño sitúase na marxe esquerda do río Miño, onde este fai unha pequena volta cara á dereita e xusto á altura da desembocadura do Ladra, dando a sensación de que se forma unha insua.

 

MUÍÑO DA PONTE

O Muíño da Ponte atópase na marxe dereita do río Ladra unha vez que pasamos a ponte de Uriz, pertence á parroquia de Santiago de Gaioso no concello de Outeiro de Rei.

Unha inscrición no lintel da porta dános a data de 1888, como posible de construción.

O muíño aséntase á mesma beira do río, encorado na parte traseira grazas á presa na que se construíron unhas impresionantes pesqueiras de cantería e esquisto onde en tempos se collía gran cantidade de peixe, fundamentalmente de anguía; o acceso é doado, unha vez cruzada a ponte de Uriz metémonos cara á dereita entrando xa no conxunto da propiedade formada polo muíño, unha casa moi grande.

 

MUÍÑO DE TRABANCA

"Facéndolle as beiras ó Miño"
Asociación Cultural María Castaña de Lugo.
Lidia Aurora López, 2002.

EMBARCACIóS - O BATUXO

Durante moito tempo a vida dos habitantes das veigas do río non sería concibible sen as barcas. Foron, en moitas ocasións, o único medio de transporte entre unhas e outras parroquias e a cidade das murallas. Así existían tantos tipos de embarcacións como necesidades houbese.

O Batuxo

A máis coñecida, aínda que non a máis empregada. Os seus usuarios prefiren chamarlle barco, barqueta ou barquixolo xa que é o cativo entre os seus compañeiros e, porén, o que sobreviviu a todos eles.

Materiais

Calquera madeira podía servir pero as usadas con máis frecuencia eran:

  • Piñeiro do país, pesa pouco e xa que logo facía o barco máis lixeiro, de xeito que incluso se podía transportar ó lombo.

  • Castiñeiro, pesa máis pero conservábase mellor na auga.

  • Ameneiro, máis usado para fabricar os remos cós barcos.

Descrición

a.- Biqueira ou dianteira.

b.- Cueira ou traseira.

c.- Ladeiras ou banceiras.

d.- Piso ou fondo.

f.- Traveseiro.

g.- Cruceta.

h.- Argola.

As partes do batuxo e os seus accesorios.

  • Biqueira ou Dianteira (punteira ou dianteira), zona anterior do barco que mide 80-90 cm. de ancho e vai curvada desde o piso ata o seu final, levantándose xeralmente máis cá parte de atrás. Canto máis perfecta sexa a curvatura mellor corta a auga e polo tanto o barco navega con máis facilidade e suavidade, sen dar saltos.

  • Cueira ou Traseira , zona posterior que mide 90-110 cm. de ancho e uns 35 cm de altura. Cae recta a modo de caixón o que fai que o batuxo faga lembrar a feitura dun ferrado (caixón trapezoide que serve para medir esa cantidade de cereal).

  • Ladeiras ou banceiras , cada unha das partes laterais do barco que partindo da cueira en forma recta van en diminución ata a biqueira .

  • Piso ou fondo, leva as táboas colocadas de modo transversal e por norma xeral reforzadas lonxitudinalmente cun traveseiro.

  • Travesa , é unha táboa colocada na parte superior da cueira a modo de asento. Pode levar unha ou dúas e aparece tamén na biqueira e, segundo as zonas, no medio do batuxo.

  • Travesaño ou Traveseiro , situado na parte superior e media vai desde biqueira ata la cueira .

  • Cruceta, nalgunhas zonas chámanlle así ó traveseiro e á travesa que van colocadas en forma de cruz.

  • Argolla e cadena de ferro, situada na biqueira serve para prender o barco a unha árbore cun cadeado.

  • Sacadoira , é unha especie de cazolo de lata que serve para baleirar a auga que puidese coller coa chuvia ou polas fendas. Tamén se prende coa cadea.

A lonxitude total do barco é de 1,80-2m, tendo en conta que as medidas varían moito duns batuxos a outros e dunhas a outras zonas.

Remo ou rema

Feito de pau de amieiro ou bidueiro mide de 2,5 a 3 m ou máis de longo, segundo as circunstancias. Manéxase a modo de pértega por unha soa persoa que viaxa de pé na parte posterior do batuxo, chantándoo no leito do río para lle dar pulo ó barco.

Durante as enchentes cando a rema non chegaba ó fondo podíase manexar padexando, situado de pé na parte dianteira faise un movemento co remo similar ó que se fai nas piraugas.

Utilidade

  • Pesca: O batuxo usouse para pescar diversas especies transportándoas nel. Co barco ían ós caneiros que non tiñan outro paso e volvían coas anguías despois dunha longa noite de traballo, e durante o verán ían nel amañalos, transportando as pedras e terróns necesarios. Había batuxos que tiñan a medida xusta das bocas dos caneiros.

  • Transporte: Utilizouse habitualmente para o transporte de pequenas mercadorías tales como leña, estrume (restos vexetais para poñer como cama dos animais nos cortellos) ou herba entre una e outra veiga ou como acceso ás insuas. Moitas veces calquera traxecto para percorrer era máis curto se se cruzaba o río, converténdose en vehículo indispensable para as múltiples necesidades como ir ó muíño. Por isto en cada casa había un barco, cando non eran dous ou tres.

"Facéndolle as beiras ó Miño"
Asociación Cultural María Castaña de Lugo.
Lidia Aurora López, 2002.

 
PONTES

Se por pontes e pontellas entendemos aquelas solucións para o paso das correntes de auga que requiren algún tipo de obra técnica máis ou menos complicada e con diferentes materiais e formas segundo o lugar e a tipoloxía do terreo, son moitas as que temos na nosa terra.
No río Miño encontramos:

1.

Ponte do Pedragoso: no lugar do Pedragoso que lle dá nome, e no mesmo río, o Miño, atopamos esta ponte de recente creación e que comunicaba unha mesma propiedade desde a marxe esquerda do río ata a “Insua de Santa Mariña” ou “de Baixo”.

2.

Pontes do Caxiao: son tamén dúas pontes pertencentes a Rábade, situadas na marxe dereita do río Miño, no ramal dereito que aquí chaman río Mouro. Son de recente creación e serven de paso a propiedades e á “Insua de Baixo” ou de “Santa Mariña”.

3.

Ponte de Ferro: Na parroquia de San Vicente de Rábade seguindo río abaixo vemos a ponte de Ferro para paso da liña férrea Palencia–A Coruña. Construída en formigón e ferro, a súa estrutura é en 4 arcos. O seu estado de conservación é bo e aínda está en uso.

4.

Ponte Vella de Rábade:Uns metros máis abaixo da anterior encontramos a Ponte de Rábade. É unha ponte histórica que serve de paso á antiga estrada Madrid-A Coruña. Feita de lousas de xisto, data dos séculos XIV-XV. Consta de 9 arcos oxivais (seis antigos e tres novos) e tallamares triangulares. Foi ensanchada en formigón e na actualidade están con outro ensanche máis. Os antepeitos son de ferro.

5.

Ponte de Ombreiro: Esta ponte está situada na estrada local que vai desde a N-VI a Friol ó seu paso por Ombreiro, sobre o río Miño. Trátase dunha ponte construída no século XIX, de cantería con tallamares redondeados e 14 arcos rebaixados.

Pontes situadas nos ríos Ladra e Narla:

1.

Ponte de Santo Estevo: Na parroquia de Santo Estevo de Uriz no Concello de Begonte e sobre o río Ladra temos esta ponte pública de recente creación que serve de paso da estrada comarcal de Rábade a Friol. Ten 18 arcos rebaixados de cachotería e perpiaños e con antepeitos de ferro.

2.

Ponte das Vigas: Na parroquia de Cotá (Friol) e sobre o río Narla, atopamos esta ponte de arquitectura popular, chamada así por estar montada sobre vigas de ferro.

"Facéndolle as beiras ó Miño"
Asociación Cultural María Castaña de Lugo.
Lidia Aurora López, 2002.

TRADICIÓN ORAL


LENDAS

LENDA DO RÍO MIÑO

Había unha vez, en tempos pasados, unha bruxa moi mala e fea que estaba casada cun vello. Ela e o seu home discutían acotío. Pero esta vez discutían máis ca de costume. A bruxa díxolle que como ó escapar correndo mirase cara á atrás, que lle botaría un dos seus meigallos. O home empezou a correr e para saber se a bruxa o alcanzaba, mirou para atrás. A bruxa comezou co seu conxuro e o home viu como uns paxaros se achegaban a el e se poñían a tirarlle pedras. El botou a correr polo monte abaixo e a bruxa ficou rindo.

Unha das pedras que lle caeu ó home deulle na cabeza e quedou sen sentido, os paxaros seguiron tirándolle pedras e o home quedou enterrado. Entre as pedras comezou a brotar sangue, este tornouse en auga inesgotable, converténdose nunha fonte baixo as pedras, e de alí naceu un río que máis tarde foi chamado río Miño.

(Recollida en Meira- revista Miuzallas-1999 editada polo Colectivo “Estiño”)

LENDA DO RÍO MIÑO

Conta a lenda que cando a Virxe andaba polo mundo co seu meniño, chegou á beira do río Miño. A corrente das augas producía un forte ruído que espertou o neno que choraba sen consolo. A Nai sen saber que facer díxolle ó río:

Río Miño
pasa caladiño
non espertes
o meu meniño.
E desde aquela o río Miño
corre sereno e tranquilo.

Recollida no barrio da Ponte- Revista Miuzallas-1999. Colectivo “Estiño”)

DO QUE LLE ACONTECEU A UN TROITEIRO DE CELA

Na Novena a Santa Isabel do devoto dela Manuel María cóntanos no seu primeiro día o seguinte:

“Nos beizos da xente de Outeiro de Rei anda o relato do que lle aconteceu hai anos a un troiteiro de Cela. Pasou que o tal troiteiro andaba a pescar no batuxo nas Veigas ou Campo de Santa Isabel. Cando tiña o trasmallo ateigado de peixes, ó intentar subilo ó batuxo o trasmallo rebentou e fuxiu toda a pesca. O troiteiro desesperado, empezou a proferir palabras maiores contra o Noso Señor, a Virxe María e a súa prima Santa Isabel. Neste momento estaba cando de súpeto o batuxo envorcou co de riba para abaixo afundíndose no fondo do Miño e levando con el ó troiteiro. O troiteiro por moitos esforzos que facía, non podía ceibarse do batuxo e saír á superficie. Decatouse da súa falta e, na súa angustia, acordouse de Santa Isabel onde súa nai o levara ofrecido de neno.

Daquela mesmo, o batuxo emerxeu á superficie, á súa posición normal, completamente seco, levando con el ó troiteiro san e salvo e ademais co batuxo tan cheo de peixes que xa non cabían máis nel.

Editada por Asociación Cultural “Xermolos” de Guitiriz-1995

LENDA DA SERPE

Non sei se como lenda se pode ofrecer pero si que é certo que no concello de Outeiro de Rei, cerca do río hai un curro ó que lle chaman o “Tuxo” e alí seica vivía unha serpe moi grande con ás, antigamente sei que saía da zona de Raxul (un pouco arriba do Piago) y viña voando sobre o río ata Santa Isabel, despois quedaba no Tuxo e os nenos que pasabamos por alí coas vacas tiñamos un certo reparo. Máis tarde dixéronnos que iso era un conto que inventara un tal Manolo que tamén dicía que collía anguías de 5 quilos, cremos nisto porque nos conviña máis, pero agora 30 anos despois encontramos outra xente que nos conta a mesma historia da serpente alada, o que dá pé a pensar que esa lenda existiu e que vén de lonxe.

A LENDA DE SAN LÁZARO

O Domingo de San Lázaro é o anterior ó de Ramos, neste tempo é bastante frecuente que chova. Fartos os veciños da Ponte de teren a festa mollada, probaron a meter o Santo no río e de súpeto apareceu o sol.

(Recollida no barrio da A Ponte-Revista Miuzallas-1999. Colectivo “Estiño”)

A LENDA DO POZO DA TROITA

Hai moitos anos contan que en Francos había un pozo cunha troita, por iso era coñecido como o “Pozo da Troita”. Este pozo estaba a carón do río Miño.

Todas as semanas subía á aldea comer e cando non tiña que comer, comía un home. Ninguén se achegaba ó río onde moraba a troita. Dicían que convertía a xente en porcos fracos e despois comíaos.

Os mércores a troita subía onda o ferreiro para que a rañase no lombo, porque o tiña cheo de grans e a cambio dáballe un saco de moedas de ouro.

Un día o home máis valente foi aló e baleiroulle unha garrafa de ácido fórmico mentres a troita estaba no ferreiro. Cando volveu e se meteu no pozo, queimóuselle a pel e mais o estómago.

Aínda temen que saia do pozo e os coma a todos.

(Recollida en Francos-Lousada. Revista Miuzallas-1999.Colectivo “Estiño”)

LENDA DO "CANEIRO" DO DEMO

Din os vellos que este Caneiro do Demo foi feito polo mesmo diaño, de aí o seu nome, que o fixera unha noite e que lle deixara as bocas tortas. Como era perigoso armar as redes nesas bocas decidiron poñelas rectas, pero entón despencábanse as anguías e tiveron que volvelas reconstruír torcidas como estaban. Isto axudou a aumentar e a crer máis na lenda.

(Recollida en Ombreiro a Darío Rodríguez el 21-5-2000)

Adiviñanzas, refráns e ditos populares

ADIVIÑANZAS

Das recollidas do libro de Paco Martín ¿Que cousa é cousa...?

Referentes ó rodicio


-Anda, anda sen parar
e non muda de lugar.
-¿Que cousa cousiña será
que dá voltas encima do río
e sen se mollar?

Referentes ó muíño

-Anda e non ten pés
Come e non ten boca
Canta comida lle dan
Toda lle parece pouca.
-Cabalo branco
nace no campo
bebe polo pé
e cabalo non é

Relacionadas dalgún xeito co muíño (muiñeiro, ruído, auga, grans de trigo...)

-¿Que cousa ten o muíño,
precisa e non necesaria:
non pode moer sen ela
e non lle serve de nada? (o ruído )
-Non teño auga
e por eso bebo auga;
se tivese auga
bebería viño ( O muiñeiro)
-Máis de mil señoritos
entraron por un burato
colleron nome de femia
e perderon o de macho .
( os grans- a fariña)

Adiviñanzas relativas ó río e ós peixes:

-Estando eu na miña casa
viñeron pra me prender;
foise a casa polas ventás
e eu alí preso quedei. ( Os peixes na rede)
-Longo como un camiño
E torto coma un fouciño (O río)
-Por un carreiriño
Moi mal empedrado,
Ando e non me mollo
E sempre vou mollado. (o río)
-Son dúas irmás
E nunca xuntas as verás. (As beiras do río)

A seguinte adiviña pertence a Alfonso Magariños:

Longo coma unha rúa
Rebuldeiro como un meniño
Cantareiro como un paxaro
E torto como un fouciño. (O río)

REFRÁNS

- Para a misa e para o muíño, non agardes polo veciño .

- Cambiarás de muiñeiro pero non de ladrón .

(Pastor. 11-1-2000. Muíño de Serafín ou de Felpás. Felpás. Santa Mariña. Outeiro de Rei)

- Pescador e troiteiro nin muda nin palleiro .

- No inferno só había taberneiros e muiñeiros, un por medir pouco e outro por medir moito.

(Pastor. 11-1-2000. Muíño de Serafín ou de Felpás. Felpás. Santa Mariña. Outeiro de Rei)

- Polo San Lucas suca boi suca .

DITOS POPULARES

-“Diciamos: van as vacas ó “mollón” , entón xa se podía tomar o leite; porque hai unha herba na beira do río que lle chaman allariga , que ten un sabor moi forte a allo, entón cando as vacas pacían comíana moi ben, o leite sabía a allo, pero non tiña nada...”

(Recollido en Ombreiro a Darío Rodríguez el 21-5-2000. Fala de cando as vacas pasaban ós “ Mollóns” a pacer)

- Xa entón se dicía que “ o muiñeiro roubaba, pero tamén era ladrón o que alí entraba porque non hai un que non entre ó muíño e non saia enfariñado, e a fariña non é túa e a ver como a sacodes, polo tanto se levas o que non é teu es un ladrón.

(Recollido en Orbazai a Manuel Fernández el 30-1-2000)

-“ Pena da Costureira ”, está preto do caneiro de Pacios. Pola zona teñen unha regra que é: cando o río vai crecido e empeza a cubrir esa Pena non se debe andar no río porque leva moita auga. A rocha chámase así porque dicían que antigamente había unha meiga que viña coser a ela, e sentaba alí, cando a auga cobre o asento é cando non se debe andar no río.

(Recollida en San Xoán de Parada a César Ferreiro el 23-8-2000)

- Cando o caneiro da praia facía ruído era xeada, cando o da luz facía pouquiño era bo tempo. Se tocaba o tren moi forte desde o caneiro da praia dicíase “veñen xeadas”, porque cando o tren tocaba todo estaba en silencio.

(Manuel Fernández -Orbazai, 30-1-2000)

- O muiñeiro canto máis preguiceiro mellor é. .

(Febreiro de 2000. Muíño de Santa Isabel. Santa Isabel. Outeiro de Rei. Lugo) : Isto dicíao un ancián de Santa Mariña con relación a que o muiñeiro se pica moito as pedras apura máis a moer, pero a fariña non sae tan ben para facer bo pan.


Parrafeos

A CONQUISTA DE CARMIÑA

-Carmiña do meu agrado
bonita cara de rosa
di se me queres axiña
non te fagas recelosa.
-Logo meu Manoliño
se o permite San Antonio
casaremonos axiña
pra gozar do matrimonio
-E San Antonio permiteo
que ben ve a necesidá
que tanto o teu como o meu
moito traballo nos dá
-Hai o meu algunhas veces
mesmo me fai rabexar
pero en canto estea solteira
non cho quero estrenar.
-Igual che fago eu
que boa opinión che temos
que eu tampouco cho estreno
hasta o día que nos casemos”

(Recollido en Cela-Outeiro de Rei o 27 de outubro de 2000)


Cantigas

-Miña nai non quere

que vaia ó muíño
porque o muiñeiro
rebrinca comigo,
rebrinca comigo
e lévame á cama,
miña nai non quere
que ó muíño vaia.
-Todos os que cantan ben
teñen posto no muíño,
os que non saben cantar
miran por un buratiño.
-No muíño fan cantigas,
no muíño fan concellos,
no muíño fanse amores
e contan contos os vellos.
-O meu home foi ó muíño
e veu cheo de fariña
el muiñeiro non é,
que diaño de home teño
¿a quen se me arrima?
-A miña muliña cando vai pro muíño
vai toda enfariñada e cheíña de trigo
cheíña de trigo e mais de cebada
a miña muliña sempre vai cargada.
-Unha noite no muíño
unha noite non é nada
unha semaniña enteira
esa si que é muiñada.
-O río cando vai cheo
leva carballos e follas
tamén podería levar
as lenguas marmuradoras
-Quen tuvera amores lonxe
e regueiros que pasar
faga unha ponte de pedra
que de pau pode quebrar.
-Do outro lado do río
ten o meu pai un palleiro
cada vez que vai alí
ten que pagarlle ó barqueiro.
-Dentro do meu peito teño
dous muíños a moer
un moe, outro desmoe
así fai o ben querer.
-Se queres que o carro cante
móllalle o eixo no río
que despois de ben mollado
canta coma un asubío.
-Debaixo do lavadeiro
ande María lavaba
había unha sementiña
que o seu Manuel apañaba.
-Eu pasei por Vilariño
por Vilariño cantando
as mozas de Vilariño
quedan no río lavando.
(Angel; 76 anos. 6-7-2000. Mazo de Santa Comba. Santa Comba. Lugo)
-Á fonte vou por verte
e ó muíño por falarche
téñoche tan mala sorte
que nunca podo atoparte.
(Febreiro de 2000. Muíño de Santa Isabel. Santa Isabel. Outeiro de Rei. Lugo)

Das seguintes cantigas unha delas fai referencia ó muíño, a outra non, pero foi recollida na zona do río Rato, concretamente na zona de Cela, cantábaa a avoa das nosas informantes:

Eu non sei que pasou no muíño,
Eu non sei que debeu de pasar,
Dende entón Maruxiña está triste,
Dende entón non fai máis que chorar.

"Facéndolle as beiras ó Miño"
Asociación Cultural María Castaña de Lugo.
Lidia Aurora López, 2002.

A POESÍA

A Terra Chá, berce do Miño e de moitos dos numerosos afluentes que lle dan a súa forza e encanto, foi tamén o lugar do que xurdiron numerosos poetas da posguerra que centran a súa obra na terra que os viu nacer e fano en lingua galega, que durante séculos foi unha gran descoñecida; así os seus poemas fan referencia ó seu mundo íntimo, e neles quedan plasmados lugares da súa infancia, actividades tradicionais, a natureza do contorno e os problemas ós que se enfrontan as súas xentes. Isto dá lugar a obras poéticas dun gran realismo e cunha elevada carga sentimental, das que esta é unha mostra moi sutil:

¡Ouh Pai Miño fermoso
que pasas rumoroso
enchendo, co soído do teu canto,
este verxel por Deus favorecido!
¡Escoita este meu pranto
na soidade agreste e muda da ribeira!
¡Escoita o meu xemido!
¡Acóllame a túa linfa cantareira
na que se espella o salgueiral, o bido,
a doce e cimbreante abelaneira…!

Ti, ouh Miño, pasas sen coidado, feliz:
vas reflexando o ceo azul,
as ribeiras de Asteriz,
os montes e os prados de Martul,
o brillo das estrelas,
¡e non queres sentir miñas querelas!
¡Non sabes que teño o peito cheo de fel!
Como bon namorado
non podo estar calado,
que me feriu o peito frecha crüel…


Pasas, ouh Miño, o caneiro de Pena
e máis o de Barreira
e, polo Xuncaíño,
vas indo camiño do muíño
para beberes ó Ladra rumoroso.
Vas ledo porque ollache á miña nena
fermosa e feiticeira
como unha primaveira,
a ingrata que desprezou o meu cariño
e pola que ando tristeiro e pesaroso.
¡Ouh sentimentos loucos,
causa da miña dor, dos meus saloucos…!

Xoaquín de Aguiar Gaioso e Lousada de Andrade
(1810-1838)


“Espadana delgada,
irmá do xunco,
espada fráxil:
non soñas, non
con guerras
ou batallas.
Unicamente queres
escoitar as aves,
amparar galiñoas,
parrulos e labancos.
Fraga mínima da auga,
pequeno bosque
onde cantan e
demoran os ventos
que rizan e agariman
ás ondas da lagóa”.

Manuel María
Poemas para dicirlle a dúas lagoas (1994)


…O Miño non ten pasado nin futuro
leva todo arquivado
na súa lembranza nidia e rumorosa
e eu son esa folla pequeniña
….que caeu -silandeira- nun remanso.

Manuel Brea Meilán , 1958


“Ti ermida de Santa Isabel, tan sinxela,
calada, solitaria e humilde, erguida
na confluencia do Ladra coa do Miño
no meu Outeriro de Rei da Terra Chá:
cristianizas un lugar privilexiado
onde os nosos devanceiros veneraban
o misterio do mundo, ó saberse pequenos
e impotentes, anque neles ardían
inconmensurables desexos de infinito”.

Manuel María
O Miño canle de luz e néboa


“A horta familiar, coa súa fronteira
de pedra e chantos disconformes,
recende dun xeito maravilloso
e penetrante. É o meu reino.
As miñas arbres son o cedro,
a fermosa nogueira e o loureiro.
Con eles converso. E cos prantíos.
Unha paz, doce e fonda, vaime
enchendo de luz o corazón [.].

Manuel María
Ritual pra unha tribu capital de concello (1986)