Proyecto LIFE  
INTRODUCIÓN

“Para amar algo primeiro hai que coñecelo”. Esta premisa, constitúe un reflexo fiel da realidade na que vivimos, e é de aplicación a todos os ámbitos da vida. Por este motivo, se se pretende que as actividades de conservación teñan éxito, deberase propiciar o contacto directo da poboación co desenvolvemento destas e co medio no que teñen lugar, de maneira que a falta de aprecio que actualmente existe polos valores naturais vaiase reducindo ata desaparecer por completo, colaborando así na potenciación e protección da zona.

Dado que a rede presenta unha capacidade limitada para isto, a parte das actividades que están a ter lugar “in situ”, preséntanse a continuación unha serie de cuestións, rutas e xogos, que permitirán aos internautas achegarse máis á natureza e interpretar os “sinais” que esta nos proporciona.

O QUE NON DEBEMOS ESQUECER
A auga, un recurso indispensable pero esgotable

A auga é unha molécula composta de dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno, é incolora, inodora e insípida. É a única substancia que se pode encontrar nos 3 estados da materia (sólido, líquido e gasoso) a temperaturas ordinarias.

Cobre as tres cuartas partes do noso planeta. Dela, o 97% é auga salgada que forma os mares e océanos, o resto pódese considerar auga doce. Desta última o 80% almacénase nos glaciares, o 19% son augas subterráneas e o 1% son augas superficiais (por tanto, podemos considerar o auga doce continental como un recurso natural moi escaso).


Denomínase ciclo hidrolóxico ao proceso que mantén constante a cantidade de auga existente no noso planeta polo intercambio constante entre a superficie e a atmosfera por medio da evaporación e a precipitación, procesos que dependen principalmente da enerxía solar. A maior parte das precipitacións cae no mar, pero a que cae sobre os continentes, pasa a formar regatos, que formarán os ríos, ou ben infíltrase no chan e dá lugar ás augas subterráneas.

É o compoñente esencial da materia viva, tanto animal como vexetal, e participa en todas as reaccións que se producen no noso organismo. A auga serve tanto para cubrir as necesidades fisiolóxicas do organismo como para levar a cabo outras actividades como a agricultura, produción de enerxía, etc… a velocidade de consumo deste recurso supera con moito a duración do ciclo hidrolóxico, polo que non dá tempo a que se renove. Por iso debemos concienciarnos para facer un uso prudente dela.

A auga é imprescindible para a vida e para a gran maioría de actividades socioeconómicas, pero dado o seu carácter de recurso escaso, así como o deterioración dos ecosistemas ligados a ela, o estado e comunidades autónomas desenvolven actividades para protexer este ben e recuperar os ecosistemas ligados a ela, entre eles o LIC: Parga-Ladra-Támoga.

12 CUESTIÓNS POR DESCUBRIR SOBRE AS INSUAS DO MIÑO
1.¿Que é a Rede Natura 2000?
2.¿Por que estamos dentro da Rede Natura 2000?
3.¿Que é o Programa LIFE NATUREZA?
4.¿Que comprende o LIC. Parga-Ladra-Támoga?
5.¿Que son as Insuas do Miño?
6.¿Que ecosistemas nos podemos atopar dentro das Insuas do Miño?
7.¿Cal é a función do bosque de ribeira?
8.¿Que animais podemos atopar nas insuas?
9.¿Que vexetación acuática podemos atopar na insua?
10.¿Hai evidencias da ligazón do home ó río?
11.¿Que ameaza a conservación deste contorno?
12.¿Que accións se están levando a cabo cara á conservación?
1.¿Que é a Rede Natura 2000?

É unha rede de espacios naturais protexidos que inclúe os hábitats máis representativos do noso continente.
O obxectivo da Rede Natura 2000 é promover a conservación dos hábitats naturais a través do aproveitamento ecoloxicamente sustentable dos recursos naturais, sen degradar o medio.

Subir
2.¿Por que estamos dentro da Rede Natura 2000?

A conca alta do río Miño é un dos ecosistemas hídricos de maior singularidade da rexión Atlántica da Península Ibérica. Considerado como LIC (Lugar de Importancia Comunitaria), dentro da proposta galega á Rede Natura 2000. Sendo declarado pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia como Espacio Natural en Réxime de Protección Xeral.
No ano 2002, foi declarado pola UNESCO, xunto co rebordo montañoso periférico como Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, dentro do Programa Home e Biosfera. Este galardón supón o máis alto recoñecemento internacional á conservación das paisaxes, hábitats e especies, integrados no desenvolvemento sustentable da poboación local.

Subir
3.¿Que é o Programa LIFE NATUREZA?

Trátase de fondos comunitarios dirixidos á conservación e protección da Rede Natura 2000. Este programa trata de financiar accións e estratexias destinadas á conservación destes espacios en consonancia co desenvolvemento sostible das poboacións locais.

Subir
4.¿Que comprende o LIC. Parga-Ladra-Támoga?

Este Lugar de Importancia Comunitaria comprende unha superficie de 4.934 ha., pertencendo á Rexión bioclimática Atlántica. Atópase nos concellos de Begonte, Cospeito, Guitiriz, Outeiro de Rei, Rábade, Vilalba, Xermade, Abadín, Castro de Rei, Lugo e Friol. Trátase dun complexo húmido formado por unha extensa rede fluvial, pequenas lagoas e terreos asolagados asociados a pasteiros, áreas agrícolas, fragas de ribeira e carballeiras. Alberga ó redor de 1.500 aves acuáticas durante o periodo invernal.

Subir
5.¿Que son as Insuas do Miño?

Son pequenas formacións, incluídas neste LIC., orixinadas pola evolución recente de diversos meandros divagantes.
Están constituídas por material terríxeno depositado pola acción do río.
Teñen diversas formas e tamaños, polo que, popularmente reciben diversos nomes: terróns, mollóns, insuíñas,...
A Insua de San Roque, de Cela ou de Trabanca, coñecidas como Insuas do Miño, son no seu conxunto as illasde maior tamaño, tendo 5 Km de lonxitude e 220m. de anchura. Este tamaño é variable debido ás variacións estacionais do caudal do río. Durante o inverno pode subir ata máis de 3 metros.

Subir
6.¿Que ecosistemas nos podemos atopar dentro das Insuas do Miño?

Principalmente dous: os bosques de ribeira e as carballeiras.
Os bosques de ribeira ou de inundación están formados por árbores ben adaptadas á auga e que soportan perfectamente as variacións do caudal do río. Estas árbores caracterízanse por posuír grandes raíces que lles permiten fixarse ó substrato e pola flexibilidade das súas pólas que favorece que non creben en épocas de inundación. As árbores máis comúns son os ameneiros, os salgueiros, os freixos e as bidueiras.
As carballeiras localízanse nas zonas da insua non influenciadas pola acción da auga. Están formadas principalmente por carballos e rebolos. Estas árbores son moi parecidas pero para distinguilas só temos que coller unha folla e fretala. Si está cuberta por unha peluxe branca, trátase dun rebolo mentres que se non a ten é un carballo. No outono podemos distinguilas polos seus froitos, as landras. Nos carballos, as landras colgan dun pedúnculo longo, mentres que nos rebolos o pedúnculo é bastante máis longo.Tamén poden aparecer castiñeiros, espiños e acivros.

Subir
7.¿Cal é a función do bosque de ribeira?

A conservación destes bosques é importante por varias razóns:

  • As raíces das árbores que as forman fixan as marxes do río evitando a erosión que provocan as chuvias torrenciais.
  • No verán dan sombra ó río actuando como reguladores da temperatura da auga do río manténdoa case estable.
  • Son refuxio e almacén de alimento para moitas especies.
  • Funciona de corredor verde para a fauna favorecendo a comunicación entre diferentes espacios naturais.

Subir
8.¿Que animais podemos atopar nas insuas?

Gran parte da fauna que aparece na insua é característica de ecosistemas fluviais ben conservados.
Cabe destacar a presencia do Mexillón de río , tamén coñecido como ostra de auga ou madreperla de auga doce. É unha especie en perigo de extinción pois necesita de río de augas limpas e claras cada vez máis escasas. É unha especie prioritaria nas políticas de conservación da Unión Europea.
A presencia de larvas acuáticas de diferentes insectos coma as libeliñas, as efémeras e os cabaliños do demo son tamén bioindicadores da calidade ambiental do río ó seu paso polas insuas.
Entre as aves que podemos atopar están o Merlo Rieiro, outro bioindicador da boa calidade das augas dun río pois é unha especie moi sensible á contaminación. Mergúllase axudándose das ás para camiñar polo fondo do río augantándose coas súas fortes uñas buscando larvas de insectos coas que alimentarse.
A lontra, perfectamente adaptada a vivir no río, ten o corpo alongado para reducir a resistencia á auga. As súas patas traseiras palmeadas e a súa cola a modo de temón facilítanlle a pesca podendo acadar velocidades de ata 11 km/h.
A ra verde déixase oír nas zonas de augas tranquilas a partir da primavera cando os machos croan en procura das femias.

Subir
9.¿Qué vexetación acuática podemos atopar nas insuas?

Nas zonas de augas someras aparecen especies como Luronium natans, especie prioritaria nas políticas de conservación da Unión Europea. É na conca alta do río Miño onde atopa o seu maior número poboacional.
Outra das especies prioritaria nas políticas de conservación é o Eryngium viviparum xa que dentro da Península Ibérica só aparece na conca alta do río Miño.
Chaman tamén a atención as zonas de augas tranquilas con grandes comunidades de espadanas
Dentro do río onde as augas non son tan tranquilas aparecen especies como a espiga de auga que gracias a diversas estratexias poden evitar ser arrastradas pola corrente e completar así, o seu ciclo vital.

Subir
10.¿Hai evidencias da ligazón do home ó río?

Un dos signos máis evidentes desta ligazón é a presencia de diferentes caneiros ó longo do río. Os caneiros son exemplo da arquitectura popular ligada ó río. Construíanse coa fin de desviar o río e utilizar a súa forza para mover mazos e muíños.
As anguías atopaban nestes caneiros un pequeno obstáculo que dificultaba a súa viaxe polo río, era deste xeito, que os pescadores aproveitasen esta circunstancia para a súa pesca.
Outro símbolo desta cultura ligada ó río son os batuxos, pequenas embarcacións de madeira de fondo plano que eran utilizados para poder moverse polo río coa axuda dunha pértega, e así poder chegar a zonas que doutro modo resultaban imposibles

Subir
11.¿Que ameaza a conservación deste contorno?

As talas e a plantación de árbores como o piñeiro, o eucalipto ou o chopo son unhas das principais causas da deterioracióndos ecosistemas que se atopan na insua.
A contaminación das augas producidas polos vertidos das industrias, das augas residuais dos núcleos urbanos, do xurro utilizados para o abonado dos campos na agricultura,... é outro dos problemas para conservar a calidade das augas.
Así como o uso recreativo con prácticas pouco coherentes coa conservación deste espacio.
e a falta de aprecio da poboación por este contorno natural son, en xeral, as principais causas da degradación deste contorno.

Subir
12.¿Que accións se están levando a cabo cara á conservación?

  • Declaración LIC e inclusión na Rede Natura.
  • Actividades de investigación previas para a catalogación das diferentes comunidades incluídas na Directiva Hábitats.

Presentación ante o Programa LIFE - NATUREZA 2000, do Proxecto LIC. Parga-Ladra-Támoga “Mellora do bosque inundable e lago distrófico”, levándose a cabo as seguintes accións:
  • Compra de terras para o seu destino á conservación.
  • Realización de diversas actividades de mellora de hábitats:
     >>Restauración do sistema de canles do sur da insua.
     >>Recuperación da vexetación natural dos campos abandonados no sur da insua.
     >>Creación de bandas atenuadoras de vegetación para depuración de las augas residuales.
     >>Eliminación das especies alóctonas.
     >>Acondicionamento dunha senda dentro da insua.
     >>Eliminación das masas de Azolla filiculoides
  • Control de calidade ambiental de especies e hábitats.
  • Edición de material divulgativo.
  • Realización de seminarios e visitas dirixidas á sensibilización da poboación local.

Subir
PASEOS NA NATUREZA

Unha forma de se achegar á realidade natural e paisaxística deste espazo é coñecela “in vivo” e para iso proponse a realización desta ruta de sendeirismo, que percorre o interior da Insua de San Roque, atravesando os diferentes hábitats que que mereceron a súa catalogación como LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) e inclusión dentro da Rede Natura 2000. Ademais, ao longo da ruta encóntranse instalados paneis que proporcionan información adicional ao visitante sobre os hábitats, especies presentes, así como sobre as recomendacións e restricións sobre a realización de determinadas actividades.

RUTA DE SENDEIRISMO INSUAS DO MIÑO
EXPOSICIÓN AO AR LIBRE

XOGOS AMBIENTAIS

A continuación ofrécense actividades ou xogos, que o visitante pode pór en práctica cando visite este espazo natural. Estes ofrecen maior ou menor dificultade para a súa realización, en función do coñecemento que o visitante teña das especies que se poñen en xogo, ou da súa habilidade para interpretar os debuxos que as representan, e os resultados que se obteñan.


NAS INSUAS NON SÓ HAI AUGA

Nas Insuas do Miño podemos atopar diferentes especies de árbores que se sitúan dependendo do adaptadas que estean as súas raíces á presencia case permanente da auga. Hai moitas árbores que podes atopar no bosque de ribeira: salgueiros, ameneiros, freixos, bidueiros, abelairas...¡Trata de identificalas!


ANALICEMOS O NOSO AIRE

Os liques son seres vivos formados pola asociación dun fungo e dunha alga. Esta simbiose permite que o fungo lle proporcione á alga protección e humidade para poder vivir, e a alga verde achegue os nutrientes necesarios mediante a fotosíntese.

Esta asociación é tan perfecta que permite que os liques aparezan en lugares moi desfavorables como as pedras , o chan, a madeira, etc. Pero son moi sensibles á contaminación do aire, favorecendo que os podamos utilizar para analizar a CALIDADE DO AIRE DAS INSUAS.

NORMAS PARA O USO PÚBLICO DO ESPACIO E A PROTECIÓN DAS ÍNSUAS DO MIÑO

Para que todo o mundo poidamos gozar e manter a beleza natural deste espazo deberemos cumprir unha serie de normas básicas:

Ó visitar as Insuas do Miño, non esquezas que estás nun espazo protexido, onde se establecen medidas de protección e conservación do contorno natural.

Respecta a vexetación, fauna, construcións tradicionais e instalacións que atopes durante a túa visita a este espazo, son patrimonio de todos xa que te encontras dentro da Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, e nun Lugar de Interese Comunitario (LIC) designado como Espazo Natural Protexido.

A natureza é a túa compañeira, respecta a fauna e a flora. Evita recoller plantas acuáticas ou terrestres e pequenos animais deste espazo, algunhas desas especies atópanse en perigo de extinción, ou nunha situación crítica en canto a efectivos poboacionais, e polo tanto están protexidas.

Un paseo polo campo pode resultar unha experiencia marabillosa. Intenta non saíres do camiño marcado cos fitos para evitar causar trastornos maiores na flora e na fauna deste espazo. Non empregar vehículo ningún dentro da insua.

O que a natureza fixo en millóns de anos non o estragues nunhas horas. Non fagas lume, nin tires cabichas, non esquezas que os incendios forestais son moi perigosos e ocasionan graves perdas ecolóxicas e económicas.

Evita fumar mentres realizas o percorrido, xa que unha cabicha mal apagada podería provocar un incendio.

Non botes lixo ó chan, aínda que sexa orgánico, emprega as papeleiras que se colocaron ó longo do camiño.

A auga é fonte de vida, por iso non lixes a auga, non empregues xabóns nin deterxentes se lavas algo no río, a súa capacidade depurativa é limitada.

Non introduzas aparatos nin medios de desprazamento que produzan ruídos dentro deste espazo, respecta a tranquilidade e ós animais que agocha.

Non introduzas animais de compañía sen levalos debidamente atados e controlados.

Os grupos numerosos intentade falar en voz baixa para non xerar ruído que asuste ós animais

Aproveita a túa visita a este espazo para evadirte dos ruídos propios de núcleos urbanos e para escoitar e identificar o canto dalgunha ave.

Goza do aire libre, pero lembra que a acampada libre non está permitida, porque é un dos motivos principais de contaminación e deterioración do medio natural.

O sendeirismo dáche a oportunidade de coñecer estas terras e as súas xentes. Respecta a poboación local e as súas propiedades. O contacto co mundo natural e rural é pleno, polo que os sendeiros deben de ser lugares privilexiados para achegarse e gozar da natureza. Permite que despois do teu paso polos camiños e sendeiros continúen en bo estado, evitando que perdan o seu atractivo.

"Se serves á Natureza, ela servirache a ti"