![]() |
LABORES DE CONSERVACIÓN
Baixo o proxecto LIC Parga-Ladra-Támoga: Mellora do bosque inundable e lago distrófico, vanse levar a cabo accións sobre o medio físico, están englobadas no que se denomina Tarefas únicas de xestión do biótopo e tarefas de xestión periódica deste.
TAREFAS ÚNICAS DE XESTIÓN DO BIOTOPO |
O que se pretende é a restauración e a adecuación das zonas que están especialmente danadas, tanto nas Insuas do Miño , como na Área Parga-Ladra. Para isto eliminaranse especies alóctonas (eucalipto, piñeiro e chopo) e limparanse residuos inorgánicos en canles e en zonas lindeiras co río e as lagoas. Simultaneamente plantaranse especies autóctonas para ir creando pequenos bosquiños que lle volvan a naturalidade a esta zona. Todos estes labores están deseñados para que as especies existentes neste medio atopen o seu hábitat axeitado, libre de axentes contaminantes e perturbadores.
A recuperación dunha senda natural, que se deseñará sobre o territorio, permitiranos internarnos na parte sur da insua, realizando un pequeno percorrido a través da beleza natural que agachan estas paraxes.
Como aspecto innovador, dotarase esta área natural dunhas bandas atenuadoras de vexetación que actuarán como filtros verdes capaces de impedir que vertidos contaminantes, como os zurros, cheguen ó río. Trátase dunha experiencia ou proxecto piloto, que poderá ser extrapolado a diversos puntos onde se detecten estas agresións ambientais e que, consecuentemente, eliminará ou minimizará unha grande ameaza para esta zona fluvial.
Outra das accións para desenvolver dentro deste programa, é a eliminación dunha planta acuática invasora ( Azolla filiculoides Lamb .), presente no río Miño, fundamentalmente, á altura das Insuas do Miño . A retirada desta especie é necesaria para evitar o desprazamento competitivo que exerce sobre comunidades doutras plantas acuáticas que ocupan o mesmo nicho ecolóxico, e que se ven afectadas negativamente debido á diminución de osíxeno na auga que ocasiona esta invasora.
Para a eliminación desta especie, estase usando o “batuxo”, barca tradicional do Miño, elaborada artesanalmente para tal labor, recuperada tamén para tarefas de educación medioambiental e coñecemento do medio.
XESTIÓN MEDIOAMBIENTAL
Este tipo de intervencións medioambientais, servirá ademais para paliar os efectos negativos que veu padecendo este contorno natural e que se derivan dos cambios no uso do solo, a destrución de lugares de interese prioritario por acción do home e inzado de especies alóctonas, a eliminación de especies de interese comunitario, o uso intensivo do solo con fins urbanísticos e recreativos e a falta de concienciación ambiental.
Fronte a estas ameazas proponse o desenvolvemento dunha xestión integral, orientada cara á preservación futura de enclaves naturais provistos dunha riqueza florística e faunística privilexiadas. Para tal fin articuláronse as seguintes medidas:
Elaboración e aprobación de un Plan de Ordenación do LIC, coa regulación vinculante de usos e actividades en 4.934 Ha, cuxa orde de inicio xa foi publicada no DOG do 30 de xuño de 2003.
Compra de terreos, mediante proceso expropiatorio, con fins de conservación e preservación da natureza. Trátase inicialmente de 55,2 ha. de terras para seren destinadas á protección e restauración dos hábitats e especies anteriormente mencionados. Neste aspecto a Deputación Provincial de Lugo, con fondos propios financiou, paralelamente, a expropiación doutras 60 ha. para asegurar a conservación ambiental de todo o conxunto das Insuas do Miño e a Área Parga-Ladra.
Realización de diversas actuacións de mellora de hábitats e o seu contorno (limpeza de canles, creación de pantallas vexetais, eliminación de especies invasoras, recuperación de pequenas lagoas...)
Vixilancia e seguimento dos niveis de calidade do ecosistema con especial atención ós parámetros físicos e químicos do contorno.
Labores de sensibilización medioambiental e difusión das accións desenvolvidas, centradas fundamentalmente en actividades de educación ambiental entre os escolares da zona. A información recompilada divulgarase a través de seminarios, exposicións, publicacións e material audiovisual.